Etiquetas

jueves, 11 de junio de 2015

V curtometraxe da Muller Lamprea - "O ciclo da vida"

Xa fai bastante que non publico nada por aquí, porque andamos moi liadas co estreo do proxecto, que será o vindeiro MÉRCORES 17 de xuño ás 18.00h no noso centro, o IES As Barxas. A este festival de curtos organizado polo departamento de plástica está invitado todo aquel que desexe asistir.

Vou resumir o que fixemos desde a última entrada: seguimos rodando as escenas que faltaban polas tardes, mentres, nas horas de plástica e nalgunhas tardes, parte do equipo quedábase para ir montando todo no ordenador (ensamblar as escenas e a música [que é necesaria para expresar cada sensación, cada sentimento]). Cando xa estaba todo o curto montado o proxectamos, como unha proba no salón de actos para o resto da clase e corriximos pequenos erros.
Para patrocinar o proxecto fixemos carteis, pensamos "gritos de guerra", algo no que crer; e quedou "XUNTAS SOMOS #remuíñovioleta!" (xa sabedes, podedes usar ese hashtag feminista se falades do curto).

Por se alguén non está seguro do que implica a palabra contra a cal loitamos (o machismo) e a que defendemos (o feminismo), vounas explicar brevemente:

  • o machismo é o pensamento de que os homes son superiores en todo soamente por ser homes.
  • o feminismo é a loita para acabar co machismo e conseguir a igualdade entre homes e mulleres. A idea de que as mulleres son superiores ós homes é o chamado feminismo radical.


Así que xa sabedes, estou encantada de convidarvos a mirar o curto que tanto ten de nós, recorda, a V curtometraxe da Muller Lamprea: "O ciclo da vida".


Un saúdo, Sira Martínez.

miércoles, 1 de abril de 2015

Segunda publicación do "V Curtometraxe da Muller Lamprea"


Venres 27/2:

Esta vai ser a segunda entrada que publico no blog sobre o V Corto da Muller Lamprea. Vou a poñer varios días de rodaxe e, aínda que xa pasaron algúns días, mellor tarde ca nunca.
Esta vez reclutamos a dous profesores, Fran Torrado de bioloxía e Gonzalo Mata, de historia; que traballaron moi voluntariosamente ao fresquiño da mañá para que puidésemos rodar a nosa escena. Necesitamos unha escaleira e algunhas ferramentas. Fran debía estar algo aburrido pois púxose a dar toqueciños co martelo na parede da cafetaría, os reunidos alí dentro non tiñan nin a menor idea de que era o que pasaba ata que unha profesora descubriu que estábamos rodando.


 A seguinte rodaxe foi o luns (2/3/15). Empregamos parte das 3ª e 5ª horas e parte do recreo. Tardamos moito porque necesitábamos máis de vinte persoas e non é doado coordinar a todas, ademais hai moitas probabilidades de que erre algún. Entre os nosos actores e actrices atopábanse alumnos de 1º e 4º da ESO e de 1º de bacharelato. Tamén houbo moitas risas e miradas incrédulas durante o recreo.


O mércores (4/3): este día a rodaxe non foi fácil, pois non tiñamos moito tempo, empero debíamos gravar varias tomas en distintos sitios con mestres do instituto.
Primeiramente fomos a unha tenda situada fronte a igrexa de Moaña, a súa dona foi moi amable e fixo todo o que puido por axudarnos. Tivemos que reorganizar a parte central do local e acender todas as luces. Houbo algún que outro problema coa luz, pois a tenda era lóbrega, pero o sol estaba baixo e os seus raios incidían intensamente nalgunhas partes do interior.
As actrices foron: Beatriz Sixto (profesora de matemáticas) e María.
Tirando cara ó final unha de nós tivo que ir ó centro de saúde, o noso próximo escenario por se chegaban os outros actores. Para conseguir o permiso de rodar alí, María (a nosa produtora) tivera que ir varias veces e falar cos encargados. Deixáranos unha sala de consulta á nosa disposición.
Nesta escena participaron Beatriz, Neves Rodríguez (prof. de linguas), Juan Pérez (de relixión) e un pequeno bebé de tres meses chamado Adrián.
Á gravación asistiron os pais e a irmá deste último por se necesitabamos axuda, como así foi, pois o neno choraba ás veces.
Algunhas integrantes do grupo debimos irnos un pouco antes de rematar.



O luns día nove gravamos outro anuncio, este era máis da época do verán, e menos mal que fixo bo tempo...
Actuaron dous nenos de primeiro da ESO e o profesor de atletismo Roberto Fraga, como escenario empregamos o lugar onde aparcan os autobuses a carón do instituto. Direi que o profesor quedou empapado, pero xa estaba avisado...

sábado, 28 de febrero de 2015

Proxecto "Xiana e a ra"! - Primeiro día

Ah, o cine! Marabilloso arte que custa máis traballo que conseguir que o meu can salga da casa cando chove cun pouquiño de ilusión, crea maxia!

Por fin, fai uns días, o meu equipo e mais eu lanzámonos á aventura. O noso corto, chamado “Xiana y la rana” “Xiana e a ra”, é unha parodia do típico conto de fadas onde a princesa atopa un sapo que, ao besalo, transfórmase nun príncipe.

E estaredes a preguntarvos, quen serán os insensatos que forman o meu equipo? Pois son Xiana (actriz e produtora), Miguel (actor e axudante de dirección), Hugo (cámara), Alexandre (cámara e editor), Xabier (director artístico) e mais eu, Area (directora e guionista). Tamén contaremos coa axuda doutros actores e actrices para outras escenas das que xa vos irei falando.

Aquí estamos nós, concentradiños no traballo

Así, un día quedamos a comer e, en canto chegou Luz, puxémonos mans á obra. Na cafetaría de Pepa (a quen queremos dar as gracias dende aquí por deixarnos este espazo!) comezamos a grabar. Ao principio, como somos aínda uns novatos, non sabíamos moi ben como tiñamos que facer as cousas, pero en seguida aprendemos e traballamos á perfección como equipo. Pronto Luz xa sobraba por alí! Que non, Luz, que é broma. NON, POR FAVOR, A ENTRADA NON MA CENSURES.

Tivemos algúns problemas, pois a neveira que había poñíase a facer ruido nos momentos máis inoportunos, ata daban ganas de collela e tirala pola ventá pero polo xeral todo foi como a seda.

Pronto seguiremos rodando e xa vos contarei como nos vai todo. Abur!

jueves, 26 de febrero de 2015

1º -rodaxe da curtametraxe de"A Muller Lamprea V"

Para comezar vou presentar aos integrantes do grupo: Jose Manuel Rúa(editor)Paula Chao (axudante de director), María Cancelas (produtora e actriz principal), Laura Rouco (directora artística), Nerea Santomé(cámara) e finalmente, euSira Martínez (directora). Sinalar que os compoñentes do grupo sairemos en cámara. Somos todos alumnos de 4º de ESO A e encargámonos da V curtametraxe da "Muller Lamprea", defensora da lingua galega e  muller, entre outras cousas. O guión foi escrito por Iria Collazo, profesora de lingua galega no noso centro e revisado por nós.

Hoxe foi o noso primeiro día de rodaxe, quedamos no instituto ao rematar as clases. Luz estaba connosco para guiarnos en canto á organización e xeito de gravar as tomas.
Primeiramente, falamos cun profesor, Roberto, para que participase no curto e díxonos que sen problema e ata nos prestará o seu coche.
Despois puxémonos mans á obra na nosa aula de plástica, que quizais non é a máis completa, pero con algo de imaxinación e ganas podemos lograr facer case calquera cousa entre esas catro paredes.
Para o primeiro utilizamos unha tea verde como croma, colgada dunhas cordas, que cumpría a súa función á perfección. Para aqueles que non saiban o propósito dun croma, vouno explicar brevemente:


  • Utilízase para cambiar o fondo verde por calquera outro, polo que, por exemplo, se pode representar unha escena nunha ilustración ou vídeo calquera.
  •  Para que esta importante ferramentas de traballo funcione, hai que separar a persoa, obxecto ou o que sexa que vai saír na toma do fondo sen que proxecte sombras, utilizando para iso varios focos dispostos de forma específica para cada escena.

Antes de empezar co anuncio, chegou Jennifer Cancelas, antiga estudante do IES As Barxas, que participou en innumerables proxectos co departamento de plástica e artes, como "Alicia", "Poida que se poida" ou "Cabaré Barxas"; empezou traballando con Luz, e aínda hoxe ségueo facendo como outros ex-alumnos.

Para esta escena fixemos uso duns "espectaculares" efectos especiais, tales como provocar unha especie de refachos de vento cunha piraña de cartón . A  continuación puxémonos co anuncio dun produto de limpeza indispensable en calquera casa, de marca "Augarrás". Actuou Jenny utilizando como escenario as billas da aula. Mentres, Luz e eu pensabamos en como facer a parte de animación do curto.


Iso era o que tiñamos que facer hoxe, e aprendemos cousas importantes, como a colocar correctamente os focos, técnicas de gravación, coordinarse e traballar en equipo, pequenos trucos e recursos da linguaxe audiovisual.

Foi unha xornada moi entretida, chea de risas, ocorrencias e propostas. 
Estámolo a tomar con ánimo e pensamos traballar nisto moito máis. Seguramente será estreado no festival audiovisual que Luz organizará a final de curso.
En resumo, un día inesquecible co equipo, espero moitos máis destes.

Aquí hai algunhas fotos: